Master Turismo Ourense

Master en Dirección y Planificación del Turismo Interior y de Salud
Universidad de Vigo

Seminario de Busca de Emprego e Desenvolvemento da Carreira Laboral


Onte impartiuse na nosa facultade o Seminario de Busca de Emprego, actividade de moita utilidade dada a situación actual na que nos atopamos. Aínda así, tras unhas palabras da "cruda" realidade, a ponente, Mosteiro, alentou aos alumnos a non desacougar na busca, nas súas propias verbas: “buscar un traballo é un traballo máis. Haille que dedicar moitas horas, hai que documentarse, hai que analizar se somos ou non produtivos e porque, etc. Pero neste proceso o fundamental é ter confianza en que podes logralo, ser optimista”, advirte.

“O importante é dar con ese punto onde se cruzan o que eu quero facer, o que sei facer e o que o mercado necesita”, advirte. Pero dado que vai ser a primeira vez que saian ao mercado laboral, Mosteiro aconséllalles que se fixen dous obxectivos. Un a medio prazo, traballar no seu ámbito, no que queren facer, e outro a curto prazo, conseguir un traballo que lles permita ter uns ingresos e seguir avanzando para acadar o obxectivo a medio prazo.

Neste camiño que pronto iniciarán os estudantes reunidos no seminario, Mosteiro recoméndalles dúas cousas. Aproveitar as prácticas que ofrecen os estudos e sobre todo “ter en conta o mercado oculto, as ofertas de traballo que non se convocan, que se cobren a través de redes de coñecidos e que hoxe en día representan o 80% de toda a oferta laboral”. Apunta que en 2008 este mercado oculto representaba o 40% das ofertas, e hoxe é o dobre, un crecemento que, explica, se debe a factores como que as empresas que teñen realizado despedimentos prefiren non facer convocatorias públicas para novos postos ou que ante os custes do despido os empresarios acoden a redes de confianza para ter máis seguridade de que é a contratación axeitada.

E se falamos de redes estamos falando de aproveitar todas as posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais, como Facebook, Tuenti ou Twitter e tamén as redes profesionais, como Linkedin. Mosteiro anímaos a usar estes recursos no seu beneficio laboral, pois son unhas ferramentas que os estudantes empregan e coñecen perfectamente.

Fonte: Rosa Tedín, DUVI.