Master Turismo Ourense

Master en Dirección y Planificación del Turismo Interior y de Salud
Universidad de Vigo

PROGRAMA

9.30h: Apertura oficial. D. Jesús Vázquez Abad. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

9.45h: Conferencia inaugural. D. Pau Rausell. Profesor e investigador da Universitat de Valencia

10.45h: Conversa con... D. Julio Gómez, director de Sinsalaudio

11.15h: Conversa con... D. Elías González, de Reitoral de Gundivós

11.45h: Descanso

12.15h: Conversa con... D. Fernanda Mirón, directora de Orion Congress

12.45: Sesión técnica

13.30h: Mesa redonda. (Sesión de consulting con todos os relatores)

14.15h: Peche. Dª Mª Amparo González Méndez. Directora Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar.

· Os encontros están organizados polas Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Traballo e Benestar coa colaboración da Universidade de Vigo

· A xornada será inaugurada o xoves 26 ás 9.30 horas polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Mª Elisa Alén González, e o coordinador académico do encontro no campus de Ourense, José Antonio Fraiz

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, acollerá o xoves, 26 de abril, na Aula Magna “José Ángel Valente”, as xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais, organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, en colaboración coas Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

O obxectivo destes encontros é dar a coñecer e poñer en valor no eido académico universitario o emprendemento vinculado ás industrias culturais e ao sector do turismo. A xornada será inaugurada ás 9.30 horas polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad. No acto de apertura participará tamén a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Mª Elisa Alén González, e o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e coordinador académico das xornadas no Campus de Ourense, José Antonio Fraiz Brea. Do peche encargarase a directora xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, Mª Amparo González Méndez.

A industria cultural está a ser un dos sectores que mellor resiste a crise económica, e tense configurado como un eido con gran capacidade xeradora de emprego e cunha notable proxección en Galicia. Por tanto, constitúe unha importante opción de cara ao futuro laboral dos novos titulados e tituladas, sobre todo en eidos converxentes con este sector como a comunicación, o turismo ou a administración de empresas. Para darlles a coñecer este mundo tanto aos xa titulados e tituladas como ao estudantado que aínda estea cursando a carreira, nas xornadas ofrecerase información, asesoramento e ferramentas formativas sobre estes sectores aos titulados e estudantes, preferentemente en titulacións relacionadas de xeito directo ou transversal coa industria cultural e creativa e co sector turístico, tanto a nivel institucional como empresarial.

Nas diferentes sesións de traballo, os asistentes poderán coñecer, da man de expertos na materia e empresarios do sector as particularidades dos eidos máis destacados desta industria, así como as fortalezas, as debilidades, os obstáculos e as oportunidades de negocio que existen á hora de levar a cabo un proxecto de emprendemento. Tamén se prevé dotarlles de información práctica a nivel xurídico e económico relacionada con axudas dispoñibles, créditos, tramitacións e demais cuestións burocráticas relacionadas coa posta en marcha dun plan empresarial. Estas sesións están plantexadas dun xeito práctico, polo que se poderá xerar a interacción entre os relatores e os asistentes, establecendo debates e quendas de preguntas, así como unha mesa rendonda ao final de cada encontro para realizar unha posta en común e resumir as conclusións principais sobre a situación actual do emprendemento no eido das industrias culturais.

A estrutura dos encontros será dunha xornada de mañá, repartida en varias sesións de traballo temáticas, que comezarán cunha conferencia inaugural e proseguirán cunha serie de “conversas” con membros destacados do sector das industrias culturais así como novos emprendedores, fundamentalmente pertencentes ás industrias musical e audiovisual, que son as que presentan maior volume de negocio e visibilidade en Galicia. Como relatores dos encontros participarán o profesor da Universitat de Valencia e destacado investigador nesta materia, Pau Rausell, que afondará na relación entre as industrias culturais e o turismo, así como Julio Gómez, director de Sinsal Audio; Fernanda Mirón, directora de Orion Congress e Elías González, oleiro e director do Centro Oleiro Reitoral de Gundivós.

Curriculums dos relatores:

Pau Rausell:

Economista, doutor e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valencia. Desde 1993 é director da Área de Investigación en Economía Aplicada á Cultura do mesmo departamento. Pertence tamén á área de investigación en Turismo e Economía da Cultura do Instituto Interuniversitario de Desenvolvemento Local das Universidades de Valencia e Jaume I de Castellón.

Julio Gómez (Sinsalaudio) – Industria Musical

Xestor cultural, investigador sonoro e comisario musical. Desde hai unha década codirixe a promotora e axencia Sinsalaudio de Vigo. É coordinador do Festival Sinsal e director da Escola Sinsal, o único proxecto pedagóxico dedicado á educación sobre o Rexistro Sonoro. É membro do colectivo galego escoitar.org, que na actualidade está traballando no primeiro mapa sonoro europeo xunto a entidades e institucións de Finlandia, Francia e Austria.

Elías González (Centro Oleiro Reitoral de Gundivós) – Industria Cultural e sector turístico

Oleiro profesional especializado na oleiría de Gundivós, leva toda a súa vida vinculado á artesanía da zona, á que dedicou tamén o seu labor empresarial, adquirindo a antiga Reitoral de Gundivós e convertíndoa nun centro de interpretación oleiro no que se pode ver in situ a técnica ancestral de elaboración da oleiría de Gundivós, así como a exposicón e venda das pezas.

Fernanda Mirón (Orion Congress) – Industria Cultural e sector turístico

Empresaria e postgraduada en Planificación e Dirección do Turismo pola Universidade de Vigo, coa especialidade en turismo de saúde e de interior. Traballa no sector desde hai máis de oito anos e iniciou a súa actividade como emprendedora coa empresa Orion Congress.