Master Turismo Ourense

Master en Dirección y Planificación del Turismo Interior y de Salud
Universidad de Vigo

ACTO POSTGRADUACIÓN 26 MARZO 2010


Nun momento de crise como o que estamos a vivir o turismo amósase como un dos sectores punteiros capaz de situar ao noso país nos primeiros postos do contexto socioeconómico internacional pola súa capacidade para crear riqueza e postos de traballo. Así o cre Vicente Monfort, director do Instituto de Estudos Turísticos de España, que subliña tamén a importancia que xoga neste contexto o factor humano. Nas súas palabras, “o turismo é o sector de futuro da economía española e debe traballar para reter ao seu capital humano e atraer talento”. Monfort pronunciou estas palabras no transcurso do acto de graduación da terceira promoción do Máster en Dirección e Planificación do Turismo que tivo lugar este venres no campus e no que se graduaron os 20 estudantes pertencentes ao bienio 2008-2010 do mestrado. O acto estivo presidido por Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e contou coa presenza da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, madriña da promoción.
José Antonio Fraiz, coordinador do mestrado, asegurou que estes estudantes “están en disposición de incorporarse ao mercado laboral como emprendedores ou capital humano para o sector do turismo con capacidade creativa, innovadora, dinamizadora e xeradora de riqueza”. Falou dos estudos que coordina como “un proxecto formativo consolidado aínda que aberto á mellora continua” e recoñeceu o traballo dos máis de 80 profesores que contribuíron na formación do alumnado ao longo destes anos.

O turismo como unha forma de vida
Carmen Pardo estudou Ciencias Económicas e Empresariais e especializouse no sector do turismo, formación e experiencia que lembrou na súa intervención para desvelar algúns consellos aos novos graduados. “O turismo non é unha profesión calquera; é unha forma de vida porque, se ben é certo que traballaredes na industria da felicidade, non é menos verdade que o faredes mentres os demais se divirten”. A secretaria xeral para o Turismo subliñou do mestrado a súa capacidade para ofrecer unha formación adecuada ás necesidades do tecido socioeconómico da provincia. “Nas vosas mans está agora convencer aos empresarios da necesidade de que incorporen nas súas compañías recursos humanos cualificados para que o termalismo sexa un sector punteiro en Ourense”, declarou.
O profesor Pablo de Carlos Villamarín, padriño académico da promoción, subliñou na súa intervención a formación do alumnado e a importancia do mestrado ao que definiu como “un proxecto vital para o campus e tamén para a cidade”.

Tender pontes entre a universidade e a sociedade
Son moitas as empresas e institucións que colaboran e apoian o mestrado e a elas dedicou a súa intervención Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ás que lle agradeceu a súa inquedanza “por axudar a que a implicación da universidade coa sociedade sexa unha realidade”.
Os estudantes Nemesio Gómez e Andrea Nóvoa interviron no acto en representación dos seus compañeiros de promoción para facer fincapé na formación adquirida e Fernanda Mirón, alumna da segunda promoción do mestrado, fixo uso da palabra en representación do alumnado xa graduado para dar ánimo e alento a estes novos profesionais do sector.

Respaldo á formación en turismo
O Máster en Dirección e Planificación do Turismo atópase entre os catro primeiros de España da súa categoría, posúe o recoñecemento de empresas e institucións, oferta unha especialización única en España como é o turismo de interior e saúde, pode cursarse en modalidade semi-presencial e permite facer o doutoramento en Turismo. Neste momento hai 66 alumnos facendo estes estudos aos que hai que engadir outros 20 máis en proceso de realización da tese de doutoramento. Un compromiso coa formación no ámbito do turismo que foi especialmente subliñado por Vicente Monfort na súa intervención. “Debemos apoiar esta iniciativa porque o turismo é o sector económico capaz de sacar a España do estancamento e situala nos primeiros postos do contexto socioeconómico internacional”, declarou. O director do Instituto de Estudos Turísticos de España lembrou na súa intervención que nos últimos 50 anos o noso país viviu un crecemento do sector non planificado e que agora estamos nun momento “no que fai falta unha xeración de profesionais capaces de aplicar os seus coñecementos á xestión do turismo”, un oco que cubrirán estes novos profesionais do sector. “O seguro de vida do turismo español é apostar pola xuventude para liderar o sector e, nesta liña, vós estades nunha posición de privilexio por ser unha xeración nova cunha formación sólida”, afirmou.
A clausura do acto contou coa intervención da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que interpretou varios temas musicais e que pechou a velada co Gaudeamos Igitur.

Raquel Feijóo | Ourense
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=3422&Itemid=10